Saturday 04 de May de 2024

A cebola chata protagoniza o primeiro dos oito talleres de cociña mariñeira que organiza o Concello de Miño


• O prestixioso cociñeiro Antonio Amenedo é o encargado de impartir esta formación gratuíta que se ofrecerá entre os meses de novembro e decembro no edificio da Confraría de Pescadores, entidade colaboradora no proxecto.

• Esta actividade está financiada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar.

A cebola chata foi a gran protagonista do primeiro dos oito talleres de cociña mariñeira que organiza o Concello de Miño e que se seguirán impartindo ao longo dos meses de novembro e decembro.

O cociñeiro profesional Antonio Amenedo é o encargado de dirixir unhas sesións que teñen como obxectivo reivindicar e seguir innovando con produtos locais procedentes da terra e do mar.

A xornada inaugural contou cunha ampla representación do sector hostaleiro de Miño, ademais da presenza do alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, do concelleiro de Turismo e Protección Económica, José Manuel Pantín Morado, e da bióloga da Confraría de Pescadores, Maite Fernández.

Este primeiro taller estivo centrado na elaboración de empanadas con produtos do mar, onde a cebola chata de Miño foi o elemento central xunto a diferentes técnicas de marinados e arroces.

Esta actividade está financiada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar.